Destacado

10 de setembro, Día Mundial de Prevención do Suicidio

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) esixe que se dea cumprimento aos compromisos que se recollen no Plan de Prevención de Suicidio, que aprobou a Xunta de Galicia en 2017, do que a día de hoxe non se coñece a súa execución e con medidas sen desenvolver 5 anos despois. O 10 de setembro, Día Mundial para a Prevención do Suicidio, cómpre sinalar que para que este grave problema de saúde pública se reduza, son necesarias políticas públicas que dispoñan dos recursos precisos, insistindo en que o suicidio pode previrse.

Lamentablemente, os últimos datos dispoñibles son de 2020, xa que non se dispón de estudos e informes máis recentes nin pormenorizados máis alá dos datos sobre mortaldade que publica o IMELGA. Galicia presentaba en 2020 unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal (7,79), a segunda comunidade autónoma só por detrás de Asturias.  Namentres, o deterioro nas condicións de vida desde 2020, cunha pandemia, unha guerra cos seus efectos sobre a economía e unha inflación elevadísima, fainos prever a posibilidade de que os niveis de sufrimento se incrementen notablemente na poboación, e que urxe preparar o sistema sanitario e social para protexer as persoas máis vulnerables.

Só en 2020, faleceron por suicidio 307 persoas en Galicia, case unha cada día. Segundo a Organización Mundial da Saúde, por cada suicidio consumado estímase que se producen 20 tentativas, o que implicaría que a ideación autolítica estaría presente nunhas 6.000 persoas na nosa Comunidade, o que nos dá unha aproximación da magnitude desta problemática.

Neste sentido, desde o COPG como profesionais da psicoloxía, reclámase unha aposta decidida pola prevención, dando cumprimento ao que se recolle no Plan de Prevención do Suicidio en Galicia en cuestións como a investigación epidemiolóxica sobre a conduta suicida, así como a rendición de informes sobre o desenvolvemento de cada unha das 37 medidas recollidas no Plan. Así mesmo, cómpre insistir en que a atención psicolóxica en Atención Primaria (que ten unha mínima implantación en Galicia) é unha das medidas eficaces para a prevención da conduta suicida, e que é imprescindible reforzar a presenza de psicólogos e psicólogas nos distintos contextos para realizar esa abordaxe preventiva e asistencial, non só na sanidade, senón tamén nos centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria, e nos servizos sociais comunitarios dos concellos.

Spread the love