Falar de Alzhéimer é moitas veces falar da memoria. Da loita por non esquecer. Estas datas representan un altofalante para todas aquelas persoas que dunha forma ou outra conviven con esta enfermidade e se deixan a pel por que non nos esquezamos da dignidade de coidar a aqueles que padecen esta patoloxía, xa sexa de tipo alzhéimer ou outro tipo de trastorno neurocognitivo. Familias e persoas, na maioría mulleres, que moitas veces se senten sumidas nun continuo esquecemento.

As persoas afectadas comezan con simples despistes, pequenas confusións, pasando máis adiante por perderse no seu propio barrio, na súa propia rutina e alertando así aos seus seres queridos. Despois chega unha sorte de peregrinaxe polos consultorios médicos, atención primaria, neuroloxía, psiquiatría, xeriatría… e pese a todos e todas as profesionais que están aí para axudar, faise duro ir facendo fronte a estas etapas.

Pasa o tempo, impasible, sen amosar moitas veces unha mínima empatía. As persoas continúan o seu camiño, coas familias apoiando incansablemente, pero tremendamente esgotadas. E chegado un punto, apenas lembran quen son, cales eran as súas ocupacións, os nomes dos seus descendentes, as súas fazañas persoais… Noutra historia, noutro conto, noutros zapatos, alguén pasa seu día a día loitando por recoñecer a foto que ten nas súas mans, as mans que o agariman e os ollos que o miran. Nunha residencia a luz que entra pola fiestra ilumina xente descoñecida, mans que me coidan e alimentan, que me visten, bañan e deitan. Porén, o que sempre notan e aprecian son abrazos e bicos, ás veces de descoñecidos, pero que lles achegan unha inmensa comodidade.

Parece que o refrán de “apreta pero non afoga” ás veces deixa unhas migas para a esperanza e é certo que esta enfermidade parece deixar todo queimado tralo seu paso agás as emocións; o cerebro envólveas e protéxeas desta enfermidade como os instintos máis prezados e deles se valen milleiros de persoas coidadoras e profesionais para coidar o mellor que poden as persoas que padecen esta enfermidade.

A enfermidade de Alzhéimer afecta a 55 millóns de persoas (OMS, 2021), e prevese que este número aumente para 2050 debido ao aumento da esperanza de vida. Neste contexto, os profesionais da psicoloxía xogan un papel crucial, non só na atención aos pacientes con demencia, senón tamén na prestación de apoio emocional ás súas familias e na provisión de pautas para afrontar as distintas etapas da enfermidade.

Quedou demostrado que as actividades que se realizan en centros de día, asociacións e residencias son eficaces. A implantación de rutinas e hábitos saudables, a participación en talleres de estimulación cognitiva e exercicio físico, así como a formación en habilidades básicas, instrumentais e avanzadas da vida diaria, entre outras actividades, contribúen a frear o deterioro cognitivo. Ademais, fomentar as conexións sociais e a interacción entre persoas da mesma idade reduce a estigmatización e o illamento. Non obstante, non hai que esperar a recibir un diagnóstico de alzhéimer ou demencia para comezar a traballar nestes aspectos.

Desafortunadamente, vemos que moitas persoas chegan ás instalacións asistenciais cando a enfermidade xa avanzou significativamente, en parte por atrasos burocráticos, como atopar instalacións, listas de espera e trámites administrativos, o que agrava o deterioro cognitivo e funcional.

Por iso, salientamos a importancia de apostar tamén pola prevención, a educación psicolóxica, a detección precoz das fases iniciais e a creación de máis centros de atención para atender as necesidades destas persoas. Ademais, avogamos polo acceso das persoas maiores e das súas familias a un equipo técnico multidisciplinar que inclúa profesionais da psicoloxía, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos nosos maiores.