Grupos

«Dar unha mala noticia implica estar presente no que seguramente vai ser un dos peores momentos na vida dunha persoa»

Nunha situación crítica, a comunicación de malas noticias é fundamental, pero ten particularidades que requiren dunhas habilidades básicas para que realizar unha boa comunicación. Este sábado 18, Mª Elsa Rodríguez Viña, psicóloga sanitaria acreditada como experta en Psicoloxía de Emerxencias e Catástrofes e membro do GIPCE-112 e do Grupo de Gardas, imparte unha formación sobre esta cuestión, para dar a coñecer de primeira man as bases de comunicación de malas noticias en emerxencias atendidas polo GIPCE.

En que consiste o curso que vas impartir? Como vai contribuír aos psicólogos e psicólogas no seu exercicio profesional?  

O curso ten como obxectivo facilitar unhas nocións básicas sobre o que ocorre no momento en que se dá e se recibe unha mala noticia. Trátase de facilitar a información aos profesionais para abordar situacións similares.

Que supón para un psicólogo ou psicóloga contar con este tipo de formación? 

Dar unha mala noticia implica estar presente no que seguramente vai ser un dos peores momentos na vida dunha persoa, polo tanto, ten unhas características moi concretas que é recomendable que sexan coñecidas por calquera profesional para a abordaxe da situación ou polas consecuencias posteriores que poida ter.

Que particularidades ten a intervención psicolóxica nas emerxencias? 

A intervención psicolóxica en emerxencias é un recurso máis que débese utilizar cando se necesita, nin antes nin despois. Non intervimos directamente con ninguén que non o acepte, porque sempre priorizamos o respecto ás persoas que sofren , á súa privacidade e autonomía. Pero ademais, traballamos  nun contexto onde son moitas as variables que debes ter en conta ao mesmo tempo, e parte do noso traballo consiste precisamente nisto: medios de comunicación, coordinación e coidados doutros colectivos, organización e detección de necesidades presentes e futuras etc

– O GIPCE vén de cumprir 25 anos, contas cunha longa experiencia no Grupo. Que importancia ten a formación permanente nas actuacións do GIPCE? 

A formación permanente e a práctica son básicas para poder traballar nun ámbito onde as situacións son tan variables e diferentes. Non hai dúas intervencións iguais. Cantos máis recursos teñamos, máis posibilidades temos de utilizar o adecuado no momento preciso.

Spread the love
Mª Elsa Rodríguez Viña