A invasión de Ucraína por parte do exército ruso deixa máis de catro millóns de persoas desprazadas, principalmente mulleres e nenos e nenas, buscando refuxio para escapar da violencia.
O Colexio de Psicoloxía de Galicia expresa o seu total rexeitamento á guerra, o acto humano máis incomprensible e inxusto, e apela á convivencia pacífica, ao diálogo e ao respecto. Especial preocupación merece a protección e a asistencia do máis dun milleiro de persoas refuxiadas que chegan a Galicia, co obxectivo de que atopen unha acollida adecuada, coordinada e rigorosa, despois dunha experiencia tan extraordinariamente dolorosa que é a barbarie da guerra.
Por este motivo, desde o COPG instouse aos distintos niveis do Goberno a garantir tal asistencia, tamén no relativo á atención psicolóxica, tan imprescindible nunha situación de vulnerabilidade. Tal atención psicolóxica debe sosterse no tempo, polas experiencias vividas polas persoas refuxiadas, pero tamén deben traballar coa comunidade na que se integra.
A Xunta de Galicia articulou un dispositivo para a atención sanitaria na Cidade da Cultura para as persoas refuxiadas procedentes de Ucraína desde o 30 de marzo, no que está colaborando o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG. Ademais, desde o SERGAS creouse un grupo de traballo de Atención á Saúde Mental dos/as Refuxiadas/os Ucranianas/os, no que o COPG está representado polo presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde, Xacobe Abel Fernández García, e pola coordinadora do GIPCE, Ana Núñez Rubines, e no que tamén participan profesionais das sete áreas sanitarias.