Comisións

Ponlle corazón: Día Mundial da Actividade Física

Este 6 de abril celébrase o Día Mundial da Actividade Física, unha iniciativa promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) co obxectivo de combater o sedentarismo e fomentar unha vida máis activa e saudable.

Desde a Comisión Intersectorial de Deporte queremos aproveitar esta data para lembrar a importancia de incorporar o movemento á nosa rutina diaria. Non se trata só de facer deporte, senón de valorar calquera forma de actividade física: camiñar, bailar, andar en bicicleta, xogar, facer tarefas domésticas ou simplemente cambiar o ascensor polas escaleiras. Cada pequeno xesto conta!

A actividade física regular ten numerosos beneficios, que tamén impactan na saúde mental positivamente, xa que mellora a nosa calidade de vida e o benestar emocional e pode aliviar os síntomas de ansiedade e depresión.

Porén, as cifras seguen sendo preocupantes: 1 de cada 3 persoas adultas e o 81 % da poboación adolescente non realiza suficiente actividade física. Ademais, nos países máis desenvolvidos, a inactividade pode chegar ao 70 %, debido a cambios nos hábitos de transporte, o uso crecente da tecnoloxía ou estilos de vida sedentarios.

Lembra: o sedentarismo tamén ten consecuencias negativas para a saúde, o medio ambiente e o benestar emocional.

Ponlle corazón: móvete! 💙