Destacado

13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión
Galicia precisa triplicar os/as especialistas en Psicoloxía Clínica no SERGAS para atender as necesidades da saúde mental

O 13 de xaneiro conmemórase o Día de Loita Contra a Depresión, principal causa de discapacidade na nosa sociedade segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), que está diagnosticada ao 5,6% da poboación galega. A pesar desta elevada prevalencia, a sanidade galega non conta cos recursos precisos para dar resposta a esta problemática de Saúde Mental, polo que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) estímase que sería preciso triplicar as prazas de Psicoloxía Clínica existentes no SERGAS para contar cunha dotación mínima que permitise dar unha asistencia de calidade para os trastornos de saúde mental. A taxa actual está en 4 especialistas por cada 100.000 habitantes, mentres que se estima que unha taxa por debaixo de 12 psicólogos/as clínicos/as imposibilita a prestación desta asistencia sanitaria.

O Colexio Oficial de Psicoloxía lembra a necesidade de psicólogos/as na Atención Primaria no Día de Loita contra a Depresión

Ante o incremento de demanda pola poboación máis nova, en Galicia non chegan a 20 os psicólogos e psicólogas que atenden a infancia e adolescencia nas distintas áreas sanitarias, con listas de espera que van desde os 6 meses no mellor dos casos, a máis dun ano, segundo a área sanitaria. Cómpre ter en conta que a atención aos rapaces e rapazas é máis complexa, xa que é preciso intervir coa súa contorna (familia, centro educativo), o que implica que se precisa máis tempo no proceso terapéutico. A dotación mínima de profesionais para atender as actuais necesidades da poboación infanto-xuvenil galega situaríase entre 50 e 60 psicólogos e psicólogas clínicas, moi lonxe dos recursos actuais.

depresión é un trastorno que dependendo da súa intensidade, maniféstase en diversos síntomas (psicolóxicos, físicos, cognitivos, sociais) e afecta na distintas esferas da vida das persoas, xerando un malestar significativo de quen a padece. A terapia psicolóxica é un dos tratamentos máis eficaces para a depresión, e para que a loita contra a depresión sexa efectiva, cómpre que a atención psicolóxica sexa accesible e estea próxima ás persoas para poder diagnosticala e tratala nos estadios máis temperás.

Neste sentido, a atención psicolóxica en Atención Primaria (que ten unha mínima implantación en Galicia) é unha das medidas máis eficaces para a prevención e o tratamento de trastornos de saúde mental, como a depresión. Isto traduciríase nunha mellor atención sanitaria, pero tamén nun importante aforro económico, xa que as enfermidades de saúde mental (como a depresión, a ansiedade ou o estrés) son a segunda causa máis frecuente de incapacidade temporal, cunha duración media elevada (por riba dos tres meses), o que ten importantes custos para a Seguridade Social.

Así mesmo, desde o COPG insístese en que é imprescindible reforzar a presenza de psicólogos e psicólogas nos distintos contextos para realizar esa abordaxe preventiva e asistencial, non só na sanidade, senón tamén nos centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria, e nos servizos sociais comunitarios dos concellos.

13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión      13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión

13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión

13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión  13 de xaneiro, Día da Loita Contra a Depresión

Spread the love